A capacidade de resistencia á dor física ou psicolóxica non se pode medir. Tampouco o grao de maldade que pode chegar a concibir o ser humano. É en situacións límite cando as persoas sacan a relucir comportamentos insólitos, para ben e para mal. No escenario da II Guerra Mundial tiveron lugar episodios tan estarrecedores e crueis que algúns deles resultan imposibles de dixerir. «Un animal chamado néboa» é un libro de relatos onde a ficción se constrúe a partir de diferentes acontecementos sucedidos durante o conflito bélico. O cerco de Leningrado, o naufraxio do buque «USS Indianapolis», os métodos de tortura da banda de criminais ao servizo do italiano Pietro Koch, a realidade das mulleres prostituídas en Mauthausen ou a terrible misión do «Enola Gay» forman parte dalgunhas das historias que compoñen este libro. Escrita de xeito directo e descarnado pero sen perder nunca de vista o contexto histórico, esta obra é un retrato desolador e emocional do comportamento das persoas en circunstancias extremas. Un pulso crítico á condición humana.
- Titulo: Un animal chamado néboa
- Autor: Costas, Ledicia
- Editora: XERAIS
- Idioma: Galego
- Capa: RUSTICA
- Ano de edição: 2024
- Assunto: LIBROS > NARRATIVA > FICCION
- ISBN: 9788411104623