‘Hai neste libro de Afonso Becerra diferentes niveis de lectura, pois contén algo máis que as 10 pezas breves que se anuncian no índice, agrupadas baixo o lema ‘textículos dramáticos e posdramáticos’, que, como tal, xa implica unha vontade clara de polémica, tanto pola filiación ‘post’ que se lles reclama, como pola dimensión ‘testicular’ dos ditos textos, o que supón un indicador preciso do núcleo temático dos mesmos que non é outro que as formas do amor (ou do desamor). Hai xa bastantes anos asistín a unha conversa entre dous coñecidos dramaturgos na que un lle preguntaba ao outro pola temática da súa nova peza, ao que o outro respondía dicindo que trataba do de sempre, ‘de amor’, pois o amor, ou a súa ausencia, sempre está na raíz das historias dos seres humanos, dos grandes relatos e das pequenas lerias que alimentan as nosas vidas. E estes ‘textículos’ de Afonso Becerra latexan coa forza multiforme do amor, como tamén aquel verso demoledor do vello poeta da vella cidade: ‘Pero turbados los dos nos escondíamos’.(Do prólogo de Manuel F. Vieites)’Estes textículos dramáticos e posdramáticos (textos minúsculos) son órganos exentos de testosterona. No que atinxe ás hormonas sexuais, estas partículas, dramáticas e posdramáticas, buscan o difícil xogo de equilibrios e oposicións entre testosterona, estróxeno, oxitocina e outras bioquímicas que pugnan por erguer o corpo e a emoción enriba dese palco teatral que é a vida humana. Textículos dramáticos e posdramáticos é como unha segunda parte daquelas Dramatículas (Laiovento, 2010), e unha homenaxe irónica á expresión empregada algunha vez por Julio Cortázar.'(O autor)
- Titulo: TEXTÍCULOS DRAMÁTICOS E POSDRAMÁTICOS
- Autor: Afonso Becerra de Becerrea
- Editora: LAIOVENTO (IBD)
- Idioma: Galego
- Capa: OTRO FORMATO LIBRO
- Ano de edição: 2014
- Assunto: LIBROS > LITERATURA > TEATRO
- ISBN: 9788484872375