A Aurora gústalle correr. Se cadra é por iso que foxe con facilidade de tomar decisións e busca acubillo no sarcasmo contido. Dende que por fin puido regresar da Vilalba dos seus pais á Barcelona da súa infancia, o peso da orixe abre nela fendas que non sabe como xestionar. A proxección de si mesma na cidade, o rexeitamento e a vergoña, fan que por veces esqueza que foi en Vilalba, ese lugar que tanto detesta, onde coñeceu unha das persoas máis importantes da súa vida: a súa amiga Saínza. Dende a súa liña de saída torta, Aurora busca seguir correndo cara adiante sen matinar no percorrido, concentrada no seu traballo como xornalista de deportes e nos espazos dunha vida na que todo, en aparencia, está dentro do agardado. ‘ As cousas que non queremos oír ‘ explora o alleamento, os límites do corpo e a enfermidade, os afectos e a busca das certezas cando o mundo enteiro se esfarela. Porque de cando en vez a vida nos interroga sen que poidamos atopar respostas definitivas, máis que a forza de afondar na nosa propia debilidade para renacer. Nesta nova entrega do ‘ Ciclo dos elementos ‘ , Reimóndez entrecruza os fíos das protagonistas de entregas anteriores cos de Aurora para continuar creando un universo literario único no que as lectoras son quen de compoñer tamén a historia a partir de cada unha das novelas independentes. Despois de ‘ En vías de extinción ‘ , ‘ A música dos seres vivos ‘ e ‘ Dende o conflito ‘ , ‘ As cousas que non queremos oír ‘ transita unha nova forma de enfrontarse á migración e o desprazamento e traza novas interaccións e perspectivas das personaxes xa coñecidas, como Gaia, MK ou Saínza Combarro.
- Titulo: AS COUSAS QUE NON QUEREMOS OíR
- Autor: Reimóndez, María
- Editora: XERAIS
- Idioma: Galego
- Capa: RUSTICA
- Ano de edição: 2017
- Assunto: LIBROS > NARRATIVA